Busco no baleiro e cando noto a falta, creo da nada. Coas mans sobre as costelas, busco. Non encontro nada máis que ósos e tan só sinto a fría carne. Doume conta de que non hai nada que buscar. Agarro as costelas coas mans e intento abrilas. Non resisto frente a idea do baleiro. Estoume asasinando a min mesmo e son consciente do erro. E se o que busco non está no meu peito? Busco no baleiro e cando noto a falta, creo da nada. É así de sinxelo. Cando non hai, a única solución é crear. Non me importa que me chame tolo. Aproveito a falta para encher de novo os pulmóns. Creo corpos sen costelas, sen ningún tipo de oco onde podan gardar a ausencia. Cometo un grave erro. Así é a creación. Son consciente diso. Continuo no baleiro. Non entendo por que non intento superalo. Estoume a asesinar. Busco no baleiro e cando noto a falta, creo da nada. Creo liñas infinitas que nunca se xuntan nun esternón. E debuxo corpos cheos de órganos nos que poder gardar un mesmo sentimento. O único que interese conservar. A falta é moito maior. Xa somos máis dun corpo baleiro. Intento crear sentimentos. Non o logro. É así de sinxelo. Cando non hai un sentimento, a solución non é crealo senón buscalo entre unhas costelas. Espero encontralo. Será a única forma de que os meus corpos sintan…
A ENERXÍA NIN SE CREA NIN SE DESTRÚE, TAN SÓ SE TRANSFORMA.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada